A Xunta destinará en 2023 1 M€ ás axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou que a Xunta destinará o vindeiro ano 1 M€ para continuar co programa EBici, de axudas para a adquisición de bicicletas eléctricas, tras facilitar este ano a compra de máis de 2.000.

Lembrou que, desde o mesmo momento no que se abriu o prazo para presentar as solicitudes, o pasado 1 de agosto, se esgotou deseguida o crédito inicial consignado, 500.000€, o que levou á Xunta a ampliar noutros 500.000 € adicionais, establecendo como prazo ata o 15 de novembro para a presentación de solicitudes para poder beneficiarse destes incentivos.

Destacou o obxectivo que se pretende con este programa EBici: promover que os cidadáns realicen os seus desprazamentos cotiáns de curta distancia en bicicleta, especialmente nas contornas urbanas, fomentando unha mobilidade máis saudable para quen se decante polo emprego deste medio de transporte alternativo, reducindo as emisións a atmosfera e tamén o ruído.