A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a Mesa de coordinación dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia. Na xuntanza, abordouse a terceira addenda aos convenios de colaboración entre a Axencia, dependente da Consellería do Medio Rural, e os 24 GDR de Galicia, que permitirá destinar máis de 2 millóns de euros a estas entidades territoriais, para que poidan atender a xestión do programa Leader para o ano 2024.
Neste sentido, a Axencia e os grupos colaboran para xestionar as axudas de dito programa, que benefician aos diversos promotores de proxectos que se financian cos fondos asignados ás estratexias de desenvolvemento local. Ademais, os GDR tamén son beneficiarios de axudas para atender os seus gastos de funcionamento máis os gastos vinculados a proxectos de formación, animación e promoción territorial que promoven os propios grupos de desenvolvemento rural.
No encontro abordouse tamén a recente aprobación das estratexias de desenvolvemento local para o período do Plan Estratéxico (PEPAC) e a constitución dos 24 GDR como entidades colaboradoras na medida Leader. A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural puxo a disposición dos GDR un orzamento de 840.000 euros para a elaboración de estratexias, o que supuxo un importe de 35.000 euros por grupo ou estratexia, tres veces máis que no período Leader anterior.