A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, participou este martes xunto á directora da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), Sonia Rodríguez-Campos, na xornada A implementación da Axenda 2030 polos gobernos locais, organizada pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Na súa intervención, Natalia Prieto profundou nos retos do municipalismo galego e sinalou que para contribuír a afrontalos, a Xunta destinará o próximo ano máis de 564 M€ ás necesidades específicas dos concellos a través do Fondo de Cooperación Local e de todas as liñas de axudas dispoñibles nos diferentes departamentos autonómicos. A contía prevista representa un 15,5 % máis que a deste ano.
Neste marco de acción, a directora xeral referiuse á necesidade de avanzar cara novos modelos de financiamento, tanto local como autonómico. “Levamos anos reclamándolle ao Goberno central a definición dun novo modelo que dea certeza dos recursos cos que podemos contar cada administración e que teña en conta as particularidades dos concellos galegos na súa distribución, como a demografía ou a dispersión xeográfica”, engadiu.
Segundo apuntou Natalia Prieto, desde a Xunta búscase compensar o desfasamento que ocasionan esas particularidades a través do Fondo de Cooperación Local, creado en 2011 e que desde entón sumou achegas que ascenden aos 1.800 M€. A dotación prevista para 2023 é de 143,4 M€, un 14 % máis que en 2022