A Xunta emite un informe desfavorable ao Plan Especial do Casco histórico de Fisterra


A Xunta de Galicia vén de informar desfavorablemente a parte patrimonial-cultural do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Histórico de Fisterra porque, pese á valía patrimonial de dita zona, que o documento destaca, esta non se reflicte na ordenación proposta. A elaboración deste plan é un trámite de obrigado cumprimento segundo se establece no Plan Xeral de Ordenación Municipal actualmente vixente no concello de Fisterra e aprobado no ano 2019.

As discrepancias técnicas polas que se emite o informe desfavorable afectan tamén á altura da estrutura urbana e arquitectónica, xa que os técnicos non consideran adecuado o incremento de alturas xeneralizado para todas as edificacións nun casco antigo con estas características.

Asemade, no documento non aparecen identificados os elementos discordantes nas edificacións con valor cultural nin se insiren medidas para a mellora e recuperación de edificacións con intervencións pouco afortunadas executadas nas últimas décadas.

Por outro lado, a proposta presentada non reflicte a necesidade da recuperación da imaxe arquitectónica degradada nin a importancia do Camiño de Santiago na vila ao non incluír un estudo pormenorizado das pendentes, parcelas e afeccións co fin de garantir que se conserve a súa estrutura e fisionomía no territorio.

A este respecto, a Xunta ponse a disposición do equipo redactor do plan especial e do Concello de Fisterra para explicarlle o contido do informe, resolver dúbidas e, polo tanto, garantir a axeitada protección do casco antigo de Fisterra.