A conselleira de Economía, Industria e Innovación, María Jesús Lorenzana, avanzou que os orzamentos da Xunta para o vindeiro ano en materia económica soben por riba do 5%, ata acadar os 435 M€, para impulsar o despegue industrial e enerxético de Galicia.
Lorenzana compareceu no Parlamento para explicar as contas do seu departamento para 2024 que, segundo dixo, teñen como obxectivo contribuír a que Galicia se converta nun referente na península en captación de investimentos e proxectos empresariais. Para iso, engadiu, as prioridades van estar en eliminar a burocracia administrativa, ofrecer financiamento e facilidades de acceso ao solo industrial e en reforzar a I+D+i.
A titular de Economía remarcou como unha das medidas máis relevantes a creación da Oficina Económica de Galicia, un órgano de asesoramento técnico e administrativo adscrito ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que funcionará como única canle de interlocución coa empresa e estará dotado con máis de 5,7 M€.
O obxectivo, dixo, é a celeridade na tramitación administrativa. E iso, por un lado, implica que o Igape vai dar un salto tecnolóxico para a dixitalización e automatización de procedementos. Xunto con isto, desde aí, a Xunta activará 95,7 M€ en instrumentos financeiros e catro novas liñas de apoio a empresas. A primeira, de 30M€ para a atracción e implementación de iniciativas; a segunda, de 1,3M€ para fomentar a sustentabilidade e a competitividade; unha terceira liña específica de apoio a startups, con 1,5 M€; e, finalmente, de impulso á internacionalización.
Neste contexto, adiantou que se vai acometer un plan de aceleración de proxectos industriais, de tal xeito que se rebaixan as condicións para seren declarados estratéxicos -a partir de 2 millóns de euros de investimento e 25 empregos-, se lle garante un prazo de tramitación dun ano e, por outra banda, prestarase atención especializada aos de menor tamaño que superen os 800.000 euros. Todo, no marco do que vai ser unha nova estratexia de política industrial, coa que a Xunta fará, ademais, unha prospección dos diferentes sectores en Galicia, tradicionais e emerxentes, para coñecer perspectivas e necesidades que se plasmarán nos respectivos plans directores.
Lorenzana tamén salientou como unha medida a destacar o desenvolvemento dun Plan para a mellora da seguridade industrial en Galicia, ao que se destinarán 400.000 euros e que dará lugar á creación do Consello Galego da Seguridade Industrial.