A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Insua, supervisou en Ferrol a actuación levada na enseada de Mugardos para recuperar un canón de bronce do século XVI. Trátase dunha intervención na que o Goberno galego colabora coa Armada Española e que permite rescatar e documentar unha importante peza do patrimonio arqueolóxico subacuático que podía correr risco de espolio.
Así, membros da Unidade de Buceo de Ferrol, nun equipo liderado polo arqueólogo Miguel San Claudio, desprazáronse ata o punto no que se atopaba o canón, unha peza afundida desde antes de 1579 cuxa orixe máis probable sinala a un naufraxio dunha embarcación ou que se guindasen pola borda pezas de grande peso pasa evitar un afundimento.
O canón de bronce, así como o total dos elementos extraídos hoxe, serán trasladados ao Museo Naval de Ferrol, onde serán restaurados para, posteriormente, ser expostos dado o seu importante interese.
Na visita a unidade militar de Ferrol, a representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou a importancia destes traballos que permiten “salvagardar a integridade dun ben do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia”, así como, tal e como engadiu, “contribuír á protección, conservación, acrecentamento e difusión do patrimonio subacuático”.
Nesta mesma liña, lembrou que esta actuación intégrase dentro dun proxecto desenvolvido en colaboración coa Armada Española e no cal tamén se enmarca a intervención levada a cabo durante tres semanas no pecio San Giacomo de Ribadeo, rematada o pasado venres despois de localizar elementos de especial relevancia como unha cureña naval, unha gran cantidade de munición de pedra e ferro e varias pezas de cerámica.