A Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) acordaron constituír unha comisión técnica que avalíe os estudos de ambas entidades co obxectivo de clarificar as competencias das administracións autonómica e local. No caso do Goberno galego, presentouse o pasado decembro o Estudo sobre a delimitación competencial no ámbito da Administración Local de Galicia, elaborado no marco dun acordo coa Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Nun principio, neste acordo tamén se contemplaba incluír a FEGAMP pese a que finalmente a entidade non asinou o convenio entre a Xunta e a USC e creou o seu propio grupo de traballo que deu como resultado o seu propio estudo. Coa decisión de hoxe de crear unha comisión técnica paritaria preténdese contrastar as conclusións de ambas propostas e así chegar a acordos, sobre todo nos ámbitos onde se detecta maior dificultade para clarificar as competencias como os servizos sociais, o mantemento de centros docentes e de saúde, a atención ás emerxencias, o medio ambiente ou a promoción da igualdade e a loita contra a violencia de xénero.