A Xunta e a Fegamp abordaron os pasos para avanzar nas medidas paliativas impulsadas pola Administración autonómica para mellorar a cobertura de telefonía móbil en Galicia, das que se beneficiarán 290 núcleos de 65 concellos. Na xuntanza, na que participaron a directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, concretouse o Plan de Actuación que deberán seguir os municipios nos que se realizarán as actuacións.
Este Plan contempla a presentación dun proxecto por parte dos concellos, que inclúe a posta á disposición da Xunta das parcelas nas que o operador público Retegal construirá as torres de telecomunicación, os permisos correspondentes e a execución das acometidas eléctricas. A Administración autonómica, a través de Retegal, xa iniciou en colaboración cos concellos os traballos de campo para identificar os terreos dos futuros emprazamentos.