A Xunta e a Fundación Juana de Vega entregan 300 carballos autóctonos a seis entidades para contribuír á recuperación e conservación da biodiversidade xenética vexetal galega


No acto celebrado na sede da Fundación Juana de Vega, en San Pedro de Nós, participou o presidente da Agacal, Manuel Rodríguez, e o seu homólogo da fundación, Enrique Sáez. Ademais, o director do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, Enrique Martínez Chamorro, explicou as distintas fases deste proxecto, os primeiros resultados e a súa continuidade no futuro a través da multiplicación in vitro destes exemplares.

As organizacións beneficiarias foron a Comunidade de Montes Veciñal de Teis, a Comunidade de Montes Veciñal de Monte Xalo, a Sociedade Galega de Historia Natural, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Fragas do Mandeo e a Asociación pola Conservación do Ecosistema Forestal Galego. Ademais, a Consellería do Medio Rural dispón doutros 3.615 carballos en parcelas de titularidade pública que garanten a conservación das castes autóctonas e funcionarán como reserva xenética.