O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar á Xunta a readmitir a unha traballadora interina á que despediu despois de que esta reclamase xudicialmente melloras salariais. A sentenza considera que existen “indicios suficientes de que o cese da traballadora se deriva unicamente dunha represalia por exercitarse pola actora unha acción xudicial tendente ao recoñecemento dos seus dereitos” e reprocha ao Goberno galego que tras o despedimento hai “motivos que supoñen a vulneración do dereito fundamental da actora á tutela xudicial efectiva proclamado no artigo 24 da Constitución”. O tribunal chega a cualificar de “irrisoria” a argumentación empregada pola Xunta de que non podía aclarar os motivos do despedimento amparándose na protección de datos. O Tribunal Superior censura que a Xunta “non aportou nin a mínima proba xustificativa do cese da actora, sendo irrisoria a invocada alegación sobre a protección de datos, que sabido é que non se dá cando a súa achega se fai ante os Tribunais de Xustiza, e nada acreditou ao respecto”. Ante a incapacidade da Xunta de xustificar que o cesamento se debeu realmente ao fin da interinidade por cubrirse a praza con outra persoa, o tribunal considera “innegable que a súa reclamación [de melloras salariais] tivo como consecuencia inmediata a adopción de dita decisión de cesala como interina”.
37