O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal, presentaron en Ourense a Biblioteca Nós, unha colección de dez libros dos autores máis representativos da Xeración Nós que veñen de ser reeditados con motivo do centenario da revista Nós.
Durante a presentación dos volumes, o titular de Cultura da Xunta salientou o peso da cidade de Ourense na actividade e creación cultural, así como a importancia deste grupo de intelectuais para a súa historia. “Falar de Ourense é facelo dunha referencia cultural, artística e literaria, dunha cidade que acolleu a numerosos escritores e poetas e que veu nacer a un dos movementos máis importantes dos últimos séculos: a Xeración Nós”, afirmou.
Neste mesmo sentido, Román Rodríguez engadiu que a historia da cidade das Burgas está “marcada pola herdanza intelectual de Nós”. Proba disto, tal e como sinalou, é a Biblioteca Pública de Ourense, na que foron presentados os exemplares e que leva o nome de Biblioteca Nós por decisión dos propios ourensáns. “Decisións como a do nome desta Biblioteca demostra o interese e respecto de todos os galegos polo universo Nós”, destacou. Previamente á presentación dos libros, o titular de Cultura descubriu a placa conmemorativa co nome desta dotación cultural no complexo de San Francisco.
Títulos incluídos
A colección presentada hoxe recolle dez obras dos autores máis representantes e senlleiros deste colectivo que revolucionou a Galicia do seu tempo “ensanchando as nosas fronteiras culturais e alumeando a conciencia colectiva da nosa terra”. Concretamente, os títulos reeditados en colaboración coa Editorial Galaxia son: O esquecedor mentor de Nós, de Antonio Losada Diéguez; Teoría do nacionalismo galego e Leira, de Vicente Risco; Polos vindeiros da saudade, Entre a vendimia e a castañeira e O Señorito da Reboraina, de Ramón Otero Pedrayo; Vicente Risco, de Carlos Casares; Co pensamento na patria, de Antón Vilar Ponte; Antífona da Cantiga, de Ramón Cabanillas, e Diario 1921, de Castelao.