A Xunta e o Concello da Laracha avalían o proxecto para a construción dunha nova EDAR en Caión

2 minutes read

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Laracha, José Manuel López, avaliaron este martes o proxecto municipal para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) en Caión e a folla de ruta para tramitar a súa redacción.

En concreto, durante unha reunión que mantiveron en Santiago de Compostela, o rexedor explicou que esta actuación é necesaria para substituír o pretratamento actual por unha nova depuradora noutra localización. A futura infraestrutura, cuxo orzamento inicial se estima en máis de 2 millóns de euros, ademais de á veciñanza de Caión, tamén podería dar servizo ao núcleo de Xermaña.

A maiores, no encontro tamén avaliaron outras iniciativas en materia de augas como, por exemplo, a mellora da estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Paiosaco.

Ángeles Vázquez explicoulle ao alcalde que o persoal de Augas de Galicia está a revisar os proxectos remitidos polo Concello e, unha vez analizados, estudarase a posibilidade de establecer vías de colaboración para acometelos.

Nesa liña, a conselleira reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

Ademais, durante o encontro, Ángeles Vázquez e José Manuel López Varela estudaron a inclusión do sendeiro proxectado polo concello entre Fonte Xermaña e Caión na futura senda peonil desde Ribadeo ata Tui que está a deseñar a Xunta ao abeiro da Lei de ordenación e xestión do litoral, e tras formalizarse o traspaso a Galicia dos servizos, medios e funcións necesarios para que a Comunidade poida asumir a xestión plena e efectiva da súa franxa costeira.