A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, reuniuse este martes co alcalde de Outes, Francisco Calo. No encontro avaliouse a colaboración entre o Concello e a Consellería para impulsar proxectos en beneficio do rural deste municipio.
En particular, avanzouse no desenvolvemento da parcelaria de San Pedro de Outes e San Miguel de Valadares, que xa se atopa en fase de acordo firme e que beneficia preto de mil propietarios. Ademais, abordouse a mellora das infraestruturas rurais e o impulso ás agrupacións forestais de xestión conxunta, co fin de optimizar a xestión dos montes no territorio municipal, entre outras cuestións.