- Un documento que inclúe recomendacións dirixidas aos profesionais e aos propietarios das mascotas
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e os Colexios de Veterinarios de Galicia prepararon un protocolo de hixiene e limpeza dos animais de compañía ante o COVID-19, un documento que inclúe toda unha serie de consellos e recomendacións dirixidos non só aos profesionais pertencentes a este colectivo, senón tamén aos propietarios das mascotas.
A idea do protocolo, que este xoves analizaron por videoconferencia a conselleira Ángeles Vázquez e o presidente do Consello Galego de Colexios Veterinarios, Luís Núñez, xurdiu co obxectivo de extremar as medidas de hixiene e limpeza ante a alerta sanitaria xerada polo coronavirus.
En canto ao contido do documento, tivéronse en conta catro aspectos principais: a necesidade de empregar produtos axeitados para limpar a pel e as mucosas dos animais, considerando que moitos desinfectantes poden ser nocivos para eles; as medidas hixiénicas a tomar ante a saída dos animais á vía pública; o protocolo recomendado á hora de acudir a un centro veterinario; e as medidas hixiénicas respecto dos animais que conviven con persoas positivas ao COVID-19.
Cómpre lembrar que as saídas á rúa cos cans foi un dos aspectos que desde a declaración do estado de alarma suscitou máis dúbidas e consultas por parte da poboación. Neste sentido, o protocolo recolle as principais recomendacións que desde o principio fixo públicas a Consellería, como realizar as saídas imprescindibles, evitar contactos, recoller os excrementos e limpar a zona na que o animal fixo as súas necesidades, e limpar ao volver a casa o pelo, a pel e todas as partes do animal que estiveran en contacto coa vía pública con auga e xabón ou con produtos que non sexan nocivos nin tóxicos.
O protocolo tamén sinala que debe evitarse o contacto entre os positivos con COVID-19 e os animais de compañía pero en caso de que non sexa posible, terán que respectarse todas as medidas de corentena e illamento que se manteñen respecto ás persoas.