A Xunta e os concellos da área da Coruña acordan renovar o Plan de Transporte Metropolitano


O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou este luns na Comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da Coruña, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2020, cun orzamento de preto de máis de 4 millóns de euros.

Este plan permite viaxar na área da Coruña a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Os usuarios que aboan as viaxes coa tarxeta de Transporte Metropolitano de Galicia acceden a descontos nas viaxes interurbanas e dispoñen de gratuidade nos transbordos co transporte urbano.

O convenio prorrogado este luns supón tamén descontos adicionais do 15% para os usuarios recorrentes, é dicir, aqueles que realizan máis de 40 viaxes ao mes, e bonificacións para membros de familias numerosas, de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Ademais, os menores de 19 anos tamén poden viaxar de balde empregando a tarxeta Xente Nova.

A Área de Transporte Metropolitano da Coruña está integrada por un total de 17 concellos: A Coruña, Abegondo, Arteixo, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carballo, Carral, Cerceda, Culleredo, Curtis, Miño, Oleiros, Ordes, Oza-Cesuras e Sada.

O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente nas áreas de Ferrol, Santiago, Lugo, Vigo e A Coruña, con 65 concellos incorporados.