A Xunta elaborará un estudo con actuacións inmediatas para abrir a Lagoa de Baldaio

nhdiario.

Representantes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e da Consellería do Mar mantiveron unha reunión, no seo dunha mesa de traballo conxunta, para abordar esta situación, polo que determinaron que nas vindeiras xornadas técnicos de conservación da natureza visiten a zona para obter os últimos datos sobre o estado actual que presenta a lagoa e decidir cales son as medidas inmediatas necesarias que se deberán abordar para paliar esta situación.

Cómpre lembrar que os últimos temporais rexistrados na Comunidade provocaron danos nas reservas de auga da lagoa que implicaron dificultades para o marisqueo nesta zona. Ante a preocupación trasladada polo sector, veciños e concello de Carballo, a Xunta comprométese a levar a cabo actuacións de carácter inmediato.

De xeito paralelo, tamén se compromete a traballar conxuntamente na redacción dun plan que permita conxugar os intereses medioambientais da lagoa cos intereses do sector marisqueiro. Así, definirase unha estratexia de actuación integral e estable que equilibre a conservación dos valores naturais da lagoa de Baldaio e os intereses da actividade marisqueira na zona.