A Xunta Electoral amoesta á CRTVG por reducir o tempo dedicado á campaña electoral e ordena incrementalo

crtvg

A Xunta Electoral de Galicia (XEG) tomba parcialmente o plan de cobertura informativa da CRTVG para o 18F e ordena os medios públicos a «ampliar os tempos dedicados a información específica da campaña electoral» e igualalos, como mínimo, aos dos anteriores comicios autonómicos, en 2020. Suporá incrementar en case tres minutos máis diarios a cobertura das eleccións, en contra do criterio inicial da Corporación, que volve ser sinalada.

Nun acordo emitido este venres, o órgano que vela polo cumprimento da lei electoral estima parcialmente a reclamación interposta polo BNG contra o plan da CRTVG. A formación nacionalista solicitara a ampliación do tempo de cobertura informativa durante a campaña, cando menos ao contemplado no 2020, así como a realización de debates nas catro circunscricións electorais, mediante desconexións territoriais, e o cumprimento «dos principios» para os que os medios públicos foron creados.

A XEG atende a primeira das demandas do Bloque, instando a incrementar o tempo dedicado ao 18F na información específica diaria sobre as eleccións. O órgano electoral advirte á CRTVG que, se ben ese tempo informativo «garda proporcionalidade» entre os partidos, «non considera xustificado que pase dun total de 370 segundos en 2020 a 200 segundos en 2024»

E lembra que hai catro anos a En Marea, que obtivera o 19% dos votos nas eleccións anteriores —datos que se teñen en conta para repartir os tempos e manter a proporcionalidade e garantir o pluralismo— se lle asignaron 65 segundos de información diaria, mentres que «no presente plan de cobertura o BNG, cun 23,79%, se lle asignan
52 segundos». No plan da CRTVG, ademais, establécense 1’45» para o PP e 42 segundos para o PSdeG, ademais doutros tempos menores para outras formacións.

A XEG rexeita as alegacións presentadas pola CRTVG e advírtelle da «incidencia» que a «redución» destes tempos electorais ten «na súa aplicación ás forzas políticas con representación parlamentaria en relación coa anterior convocatoria electoral». Ademais, destaca «a importancia do pluralismo político e social na programación de cobertura informativa da campaña electoral, singularmente na información específica relativa a campaña electoral». Tamén, A Xunta Electoral asume que organizar máis debates sería o recomendable pero que non se pode meter na decisión de celebralos ou non, que é da CRTVG, que decidiu optar por un único debate e prescindir dos territoriais.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha