A Xunta Electoral Central abre ao PP o primeiro expediente sancionador por ‘reiteradas infraccións’

A Xunta Electoral Central vén de estimar o recurso interposto polo PSdeG contra o acordo da Xunta Electoral de Galicia do pasado 29 de xaneiro no que esta se limitaba a ordenar ao PP retirar das redes sociais o vídeo ‘Illa de Estabilidade’, ao considerar que tiña carácter «electoralista» e que vulneraba a normativa electoral que o prohibe antes do inicio formal da campaña.

A XEC decidiu agora ir un paso máis aló e abriu aos populares o primeiro expediente sancionador. Entre outros argumentos, ademais de que os efectos derivados da difusión do vídeo «perviven» na internet a pesar de que sexa retirado, alude á reiteración de infraccións por parte dos populares do artigo 53 da lei electoral. Os populares xa foron obrigados nestas últimas semanas a retirar diferentes carteis, varios vídeos en redes sociais e comunicacións ca imaxe do seu candidato nas comunicacións públicas da Xunta de Galicia.

En concreto, lémbrase que no segundo parágrafo deste artigo, a norma determina que «desde a convocatoria das eleccións ata o inicio legal da campaña, queda prohibida a realización de publicidade ou propaganda electoral […], non podendo xustificarse ditas actuacións polo exercicio das actividades ordinarias dos partidos, coalicións ou federacións».

Así, a Xunta Electoral Central apunta que, aínda que a galega acordase que o vídeo denunciado polos socialistas fose retirado das redes sociais, iso «non impide que os efectos derivados da súa difusión pervivan nun medio como internet». Pero tamén se alude a que a documentación que obra no expediente evidencia que xa en días previos a propia Xunta Electoral de Galicia adoptou dous acordos máis nos que estimaba que o PP cometera «outras tantas infraccións» contra a normativa electoral.

«Este conxunto de circunstancias conforma un marco que determina a necesidade de incoar un expediente sancionador para depurar a posíbel responsabilidade en que se puido incorrer por esta posíbel vulneración nova do artigo 53 da que trae causa o presente recurso», xustifica agora a XEC na resolución coñecida este mércores.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha