A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de emendar un punto de vertido de augas residuais que se producía nun regato que discorre polo lugar de Brantuas de Arriba, no concello de Ponteceso.
Os vertidos foron localizados nos labores rutineiros levados a cabo polo persoal do Plan de Control de Vertidos de Augas de Galicia, identificando a orixe da contaminación nas conexións de augas domésticas en varias vivendas da zona cara á rede de augas pluviais, coa consecuente afectación ao regato.
Os técnicos de Augas de Galicia realizaron inspeccións na zona en compañía dos técnicos municipais, tras confirmar mediante as analíticas a carga contaminante dos vertidos. Neste labor a empresa xestora da rede municipal do Concello constatou a existencia de acometidas procedentes de 7 vivendas.
Os técnicos de Augas de Galicia realizaron recentemente unha inspección ao lugar, confirmando que xa non se producen vertidos contaminantes a través da rede de pluviais, tras instar o Concello de Ponteceso aos veciños á correcta xestión das augas residuais xeradas en cada vivenda.