A Xunta ditou declaración de impacto ambiental (DIA) favorable con relación ao proxecto do parque eólico Rego do Lobo, nos concellos de Muxía, Cee e Dumbría, condicionada, en todo caso, a que se cumpran tanto o recollido no estudo de impacto ambiental e no resto de documentación avaliada como os condicionantes e o programa de vixilancia que figuran ao longo do propio documento.
Así consta na resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que conclúe que tendo en conta todo o anterior, esta iniciativa empresarial, promovida pola sociedade EDP Renovables España, SLU, é ambientalmente viable.
Cómpre lembrar que a DIA foi elaborada no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria do proxecto, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, cun resultado de 19 organismos públicos e entidades consultados e a presentación de varias alegacións.
Froito das consultas realizadas, os informes emitidos recolleron a valoración correspondente, establecendo unha serie de condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que figura na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, os organismos consultados consideran que non é previsible que o proxecto poida causar impactos ambientais significativos nos distintos eidos analizados e que, por tanto, sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certas condicións establecidas nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da fauna, a vexetación e os hábitats naturais, a xestión de residuos e a integración e restauración paisaxísticas.
Ademais, esta avaliación ambiental integrou tamén a análise dos servizos ecosistémicos presentes no territorio, así como a valoración do impacto social e económico do proxecto. Trátase dunha novidade introducida pola Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, de xeito que poidan avaliarse os efectos do proxecto sobre os beneficios ambientais, sociais e económicos que a cidadanía obtén do bo funcionamento dos ecosistemas.
Unha vez emitida esta declaración, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático- e dáselle publicidade mediante o anuncio no Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería.
O proxecto está promovido por EDP Renovables España e ten por obxecto a instalación e explotación dun parque eólico de 24,2 megavatios (MW) de potencia total nos termos municipais de Muxía, Cee e Dumbría, constituído por catro aeroxeradores, tres de 6,8 MW de potencia nominal unitaria e o cuarto dunha potencia limitada a 3,8 MW, e a súa infraestrutura asociada, que inclúe vieiros de acceso e servizo e gabias para o sistema de cables.
A maiores, executaranse tamén unha subestación eléctrica transformadora, tres torres, unha de medición provisional, outra de medición permanente e outra de comunicacións, e unha liña de evacuación a 66 kV. A superficie de ocupación por parte do parque eólico será dunhas 10,6 hectáreas aproximadamente fronte ás 31,7 hectáreas que ocuparán os distintos elementos que conformar o conxunto da instalación.
Importancia da declaración de impacto ambiental
Cómpre lembrar que o obxectivo dunha DIA é avaliar a integración dos aspectos ambientais de cada proxecto e determinar as condicións que deben establecerse para a adecuada protección do territorio e dos recursos naturais tanto durante a execución e explotación como no cese ou desmantelamento das distintas iniciativas.
De feito, calquera proxecto industrial ten un impacto no territorio, pero os seus efectos non poden ser significativos, polo que a DIA é o instrumento encargado de determinar como e de que xeito se poden minimizar, compensar ou mesmo restaurar as zonas afectadas pola súa posta en marcha e durante o seu funcionamento futuro.
Estamos ante un trámite do máis exixente como demostra o feito de que a maioría das declaracións ambientais favorables emitidas pola Xunta inclúen condicionantes xerais e particulares así como un plan de vixilancia que é de aplicación ao proxecto e cuxo seguimento corresponde ao órgano substantivo.