A Xunta empregará drons para mellorar a vixilancia contra incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu este venres a reunión do Consello Forestal –a segunda xa deste ano– na que se presentou ao sector o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2019), que será aprobado proximamente polo Consello da Xunta. Segundo explicou o conselleiro, trátase dunha actualización anual desta planificación, que está sempre vixente, para introducir melloras nos eidos da prevención, detección, disuasión, investigación, extinción e formación.

Neste sentido, José González salientou entre as principais novidades o uso de drons para vixilancia preventiva (incluíndo o control da xestión da biomasa nas franxas próximas ás vivendas), para detección de incendios e para apoio á extinción. Este sistema servirá tamén para apoiar o labor das brigadas de investigación. Así mesmo, o titular de Medio Rural destacou tamén a posta en marcha dun teléfono específico e gratuíto de denuncias anónimas contra conductas incendiarias, que estará operativo na época de alto risco de lumes.

Outra novidade importante, tal e como sinalou o conselleiro, é o incremento da rede de vixilancia fixa, con 30 novas cámaras de última xeración, que se suman ás 88 xa despregadas e que cubrían o 56% do territorio galego. Así pois, este ano funcionarán un total de 118 cámaras de vixilancia nos montes galegos.

Por outra banda, José González avanzou que este ano se reducen en seis as Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI), quedando en 71, en función de criterios como o número de lumes rexistrados e a súa virulencia.

Declaracións do Conselleiro do Medio Rural

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha