A Xunta enxalza a extracción do percebe como un dos sinais de identidade da xente e do mar de Laxe


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou este venres na inauguración da exposición Percebe de Laxe, composta por imaxes do fotógrafo Luis Polo e que se pode visitar no Museo do Mar de Laxe, onde destacou que a extracción do percebe é un dos sinais de identidade das xentes e do mar de Laxe.

Trenor salientou que o obxectivo desta mostra é poñer en valor as zonas nas que se extrae o crustáceo neste concello coruñés e subliñou a importancia desta iniciativa, porque o marisqueo supón un extraordinario motor para a economía local e ademais é un distintivo da supervivencia da cultura popular mariñeira desta zona.

Esta exposición é a primeira dunha serie de iniciativas que vai poñer en marcha o Concello de Laxe para a potenciación e promoción deste produto entre as que se encontra a creación da ruta do percebe de Galicia. De feito, a comunidade conta cunha importante produción deste crustáceo coa comercialización de máis de 225 toneladas nas lonxas galegas, que supuxeron uns ingresos de preto de oito millóns de euros.