A Xunta estende as ensinanzas de Formación Profesional ao Concello da Laracha coa implantación de dous ciclos que son o Básico de Peiteado e estética e o ciclo superior de Transporte e loxística, ambos no Instituto IES Agra de Leborís, segundo anunciou este xoves o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha visita á localidade, onde estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
Ademais, segundo explicou o titular de Educación, A Laracha vai ser, xunto con Ames, o concello de Galicia que o vindeiro curso estree as Aulas Nómadas, un programa experimental e novidoso especializado en ofertas formativas básicas. Consiste nun modelo de aulas móbiles a través de proxectos de FP itinerante en zonas rurais ou con baixa densidade de poboación. Estas aulas, totalmente dotadas e configuradas para permanecer nun centro durante unha ou dúas promocións ou ben cubrir necesidades puntuais dos centros, van funcionar o vindeiro curso como experiencia piloto para o ciclo Básico con 18 prazas no Agra de Leborís.
Outra das novidades da oferta de FP neste concello é o ciclo de FP Dual Intensiva de Transporte e Loxística, con 30 prazas e a colaboración de 14 empresas da comarca. Para a súa posta en marcha, o conselleiro de Educación e o alcalde da Laracha asinaron un convenio de colaboración a través do cal o Concello pon a disposición as instalacións e os equipamentos necesarios así como o mantemento dos mesmos e os gastos de funcionamento. Pola súa banda, a Consellería achegará o persoal docente para a impartición do ciclo e asumirá os gastos de material funxible e de produtos consumibles.
Román Rodríguez sinalou que estes dous ciclos de nova oferta son “un exemplo” da aposta da Xunta de Galicia por deseñar unha Formación Profesional “á carta”, que dea resposta aos intereses da cidadanía e dos sectores socio-produtivos ao tempo que “afiance o desenvolvemento territorial” cunha aposta clara polas áreas do rural.