A Administración galega acaba de estrear conta na rede social TikTok, dispoñible en https://www.tiktok.com/@xuntadegalicia, co obxectivo de crear e divulgar información de interese para a mocidade galega.
Deste xeito, e aproveitando a bagaxe do amplo seguimento nas páxinas oficiais de Twitter e Facebook —cuxas contas suman máis de 320 mil seguidores—, o Executivo autonómico aposta por seguir reforzando a súa comunicación dixital e por aumentar a difusión das iniciativas postas en marcha en Galicia nunha das redes sociais máis empregadas na actualidade pola xuventude.
Entre os principais obxectivos do proxecto está o de renovar o xeito de facer chegar información relevante á mocidade e á poboación en xeral, comunicándoa de maneira dinámica e informal. Ao mesmo tempo, búscase favorecer o alcance e visibilidade de medidas de interese para un sector da poboación que está a empregar habitualmente este medio para permanecer informado.
Os contidos inclúen publicacións de temáticas como a cultural ou a gastronómica, pero tamén a científica, a medioambiental ou a económica, entre moitas outras.
A páxina de TikTok chega para funcionar como un espazo de contidos especializados, especificamente traballados e de interese para o público da plataforma. Así, empregarase unha linguaxe máis próxima, afastada de termos técnicos e co estilo de comunicar propio desta plataforma, como se pode apreciar na primeira publicación do perfil.