Obras de mellora no porto de Muxía por máis de 360.000 euros


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, está a investir máis de 360.000 euros en dúas obras de mellora das instalacións portuarias de Muxía. Así o comunicou a presidenta do ente público, Susana Lenguas, nunha visita á zona para comprobar o desenvolvemento de ambas actuacións, que se atopan en execución.

No acto tamén estiveron presentes membros da directiva da confraría de pescadores local e representantes municipais, quenes visitaron os traballos de reposición da envolvente da lonxa así como a dotación de defensas e escadas. Ambas actuacións están orientadas á mellora das condicións de traballo dos profesionais do porto de Muxía.
No caso da envolvente da lonxa, trátase da renovación da cuberta do edificio así como o revestimento da fachada de panel de chapa metálica. As planchas actuais serán substituídas por panel sándwich para garantir a súa impermeabilización. Ademais, na cuberta intercalaranse paneis translúcidos para permitir a entrada de luz natural ao edificio. Finalmente, renovaranse tamén os canlóns e algúns elementos auxiliares.

Esta actuación inclúese dentro do plan de renovación de envolventes de edificios portuarios que o ente público está levando a cabo en diversos portos de titularidade autonómica.

Polo que respecta á dotación de defensas e escadas, esta obra atópase na súa fase final e consiste na instalación de 15 defensas no peirao da lonxa e 10 na atracada da fábrica de xeo. Ademais substitúense as escadas de madeira por outras de gato de aceiro inoxidable.