A Xunta expedienta agora á mineira á que autorizou vertidos na ría de Noia

1 minutes read

A Xunta de Galicia abriu un expediente á empresa da mina de San Finx (no municipio coruñés de Lousame, preto da ría de Muros e Noia) por incumprir os parámetros de vertedura. As análises nas augas río abaixo detectaron cantidades de cadmio, cobre e zinc moi superiores ás permitidas. A plataforma na que se integran confrarías de pescadores e ecoloxistas para loitar contra as verteduras denunciara horas antes que, en concreto, os niveis de cadmio multiplicaban por 78 o tope establecido.

O Goberno galego iniciou o procedemento a través de Augas de Galicia, que sinalou, segundo informa Europa Press, que detectou uns valores elevados na última analítica e abriu o expediente seguindo a normativa. A Xunta autorizou o pasado mes de febreiro á propietaria da mina, Tungsten San Finx a baleirar os case 900.000 metros cúbicos de augas residuais que estaban acumulados e que a empresa necesitaba evacuar para volver explotar o xacemento. A decisión recibiu contestación social e política na comarca, onde pescadores, mariscadores, entidades ambientalistas e varios gobernos locais protestaron e avisaron dos posibles danos na ría. O expediente iniciouse “no marco do labor de inspección, control e seguimento” de Augas de Galicia derivada da autorización concedida para a construción da planta de tratamento das augas residuais, insiste.