A Xunta “falta á verdade” ao soster que apoiou á hostalaría en solitario, segundo a Deputación da Coruña


Así de contundente o afirman desde a Deputación da Coruña, consideran que a Xunta de Galicia “falta á verdade” ao soster que apoiou á hostalaría en solitario e consideran que os plans de axudas da administración autonómica “chegaron tarde, cando as entidades locais xa tiñan activados plans de axudas por importe de varios millóns de euros para os sectores máis afectados polas consecuencias da pandemia”.

O ente provincial afirma que fixo un esforzo económico sen precedentes para pór en marcha, en colaboración cos concellos, axudas por 15,5 millóns de euros, dos que 3 millóns se destinan a complementar os plans de apoio á hostalaría e comercio das grandes cidades: A Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, que nalgúns casos xa traballan en novas convocatorias dos mesmos. “En total as administracións locais da provincia da Coruña puxeron preto de 28 millóns de euros en axudas e foron as primeiras en reaccionar á crise económica que a Covid-19 supón para as pequenas empresas e autónomos da provincia”.

En concreto o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén reclamando “colaboración e coordinación das liñas de axudas das diferentes administracións para a reactivación económica co obxectivo de que sexan máis efectivas e cheguen a todos os que as necesitan”. Considerando que “boa parte dos retrasos no cobro das axudas vén dado precisamente porque a Xunta non asumiu as súas competencias e non liderou a necesaria coordinación de todas as administracións galegas, o que ocasionou que cada administración local puxera en marcha liñas diferentes”.