A Xunta financia 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña

Temperá Ordes_Arquivo.

A Xunta de Galicia destinou este ano máis de 773.000 euros a financiar 11 unidades de atención temperá na provincia da Coruña, catro delas de nova creación. O delegado territorial do Goberno galego, Gonzalo Trenor, acompañado polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez, e pola presidenta da Mancomunidade, Susana García, visitaron o servizo que pertence a este ente supramanicipal.

Trenor destacou que “o ámbito municipal é idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos máis novos pola súa proximidade á veciñanza e polo coñecemento da situación específica da súa poboación, tendo en conta ademais que un dos principios reitores da Rede galega de atención temperá é a descentralización e a proximidade”. Deste xeito, apuntou que “a atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos”.

Cómpre salientar que esta liña de achegas está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e permite que a cobertura deste servizo chegue xa a 129 localidades da nosa comunidade.

O obxectivo deste tipo de axudas é dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores de 0 a 6 anos con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, apostando por un modelo de servizo fundamentado na prevención, na promoción da autonomía persoal e na inclusión social a través da prestación de servizos na proximidade das familias e nos contornos naturais da vida dos nenos e nenas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha