A Xunta destinará 1,2 M€ para mellorar e embelecer o Camiño de Santiago

xunta.gal

  • Feijóo insiste en que os Camiños de Santiago sexan a tarxeta de presentación de Galicia

O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou este venres na rolda de prensa do Consello da Xunta, a convocatoria de axudas, cun orzamento de 1,2 M€, para financiar máis dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago.

En concreto, esta nova convocatoria de axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas e as actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Estas axudas contarán con dúas categorías. A primeira está dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento de 600.000 euros.

Polo que respecta á segunda liña, financiará un mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño ou aos arrendatarios destes bens.

O Goberno galego financiará o 75% das intervencións cunha cantidade máxima de 15.000 ou 10.000 euros, e Feijóo insistiu en que “os Camiños de Santiago sexan a tarxeta de presentación de Galicia”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha