O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, informou que a Xunta financiará con máis de 2 millóns de euros un total de 41 accións formativas (AFD) que se impartirán en 2022 e 2023 en concellos, centros ou entidades de formación da comarca de Bergantiños-Costa da Morte coa finalidade de mellorar a cualificación de máis de 600 persoas desempregadas. O representante do Goberno galego informou destes cursos nunha visita ao Centro de Formación El Ábaco que impartirá tres destes cursos no Concello de Zas.
A formación, así, porá o foco en competencias clave ou especialidades para obter certificados de profesionalidade. A convocatoria deste ano pon o acento en temáticas con maior demanda ou perspectivas de emprego con prioridade para contidos relacionados coa industria 4.0, competencias dixitais e áreas que demandan man de obra: atención sociosanitaria, instalacións solares, socorrismo e salvamento, xestión contable ou restauración, entre outras. Ofrécese como novidade, ademais, un módulo transversal de formación en prevención de riscos laborais que capacitará ás persoas participantes para o desempeño de funcións de nivel básico neste eido.
| CONCELLO | N.º CURSOS | AXUDA |
| CABANA DE BERGANTIÑOS | 1 | 77.852,40 € |
| CARBALLO | 28 | 1.390.190,25 € |
| CEE | 6 | 287.147,55 € |
| VIMIANZO | 3 | 196.232,40 € |
| ZAS | 3 | 135.003,30 € |
| TOTAL | 41 | 2.086.425,90 € |