A Xunta formará a persoas traballadoras en prevención do acoso laboral


A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou un convenio coa Unión Profesional de Galicia (UP) e Asociación galega de profesionais da auditoría sociolaboral de xénero e da prevención do acoso e da violencia de xénero nas organizacións (Agaxen) para outorgar formación en materia de igualdade e para a prevención do acoso sexual no entorno laboral ás persoas traballadoras e profesionais do emprego autónomo.

Neste marco, a través da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, impartiranse cursos en teleformación. A Xunta disporá os medios técnicos e persoais necesarios para levar a cabo as propostas e UP e Agaxen, colaborarán co deseño do contido das actividades formativas e a captación das persoas participantes.

O convenio, que non inclúe contraprestación económica, contará cunha vixencia de catro anos, ata 2026, período no que se impartirán as accións formativas.

Con esta medida, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade quere introducir unha visión social do xénero no ámbito laboral a través das súas políticas públicas como esta proposta de formación que ten por obxectivo último combater o acoso sexual no traballo, coa aplicación dos principios de igualdade, responsabilidade individual, orientación en igualdade e perspectiva de xénero.

Na UP están representados numerosos colexios profesionais de diferentes áreas que traballan en contacto directo con outros entornas laborais. Agaxen, pola súa banda, levar a cabo un papel moi activo na prevención e loita contra o acoso sexual dentro do ámbito da empresa e das organizacións laborais. Ambas as dúas entidades constitúen para a Xunta de Galicia pezas claves para labores de prevención de situacións de acoso sexual no ámbito laboral.