A Xunta impulsa 4 plans de internacionalización dixital de pemes da Costa da Morte


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, visitou a empresa Porto-Muíños en Cerceda, unha das beneficiarias do programa Galicia Exporta Dixital, a nova liña de axudas da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación reforzada e adaptada ás necesidades que ten o tecido empresarial como consecuencia do novo contexto económico provocado pola pandemia da covid-19.

Trenor puxo en valor o traballo de todo o equipo desta empresa dedicada á comercialización de algas que recibiu unha achega de máis de 25.000 euros para levar a cabo a elaboración dun catálogo dixital e a creación dunha tenda on-line.

Ademais aproveitou a visita para dar conta das axudas deste programa para o impulso á internacionalización das pemes galegas que na comarca de Bergantiños-Costa da Morte deixarán máis de 150.000 euros para apoiar a 4 empresas que mobilizarán máis de 188.000 euros. As empresas beneficiadas están ubicadas dúas en Carballo, unha en Coristanco e en Cerceda. En total, na provincia da Coruña beneficiaranse deste plan de axudas 56 pemes que recibirán unha achega total de 2,1 millóns de euros.