A Xunta impulsa a creación dun auditorio en Fisterra

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este mércores Fisterra para coñecer a reforma efectuada na planta alta do edificio do mercado co apoio da Xunta, a través das axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local (FCL) destinadas a investimentos en infraestruturas municipais de carácter estratéxico. O Goberno galego achegou preto de 260.000 euros, a metade do investimento total, superior aos 500.000 euros.

O apoio do Goberno galego permitiu efectuar unha actuación estratéxica no antigo mercado municipal, centrada na adaptación da planta alta para convertela nun espazo polivalente. Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo principal foi o de habilitar infraestruturas culturais esenciais que faltan no municipio: un auditorio de case 200 prazas, un local de ensaios musicais acondicionado, unha sala de xuntas e reunións, e os espazos de aseo correspondentes.

Ademais, reformouse a cuberta para gañar altura e incorporar a tremoia escénica sobre o escenario, unha cabina de control para proxección, luz e son, un almacén para equipamentos culturais do Concello, e fiestras de cuberta para mellorar a iluminación natural. A iniciativa favoreceu a recuperación para a cidadanía e para o sector cultural dun local que estaba en desuso.

A creación deste ‘Mercado Cultural’ foi un dos 20 beneficiarios da convocatoria da liña de apoio a proxectos estratéxicos do ano pasado, dotada con 8,5 millóns de euros.

Related posts

O PSdeG reclama unha rehabilitación integral do CPI de Zas

Dous interesantes ‘obxectos tetrais non identificados’, protagonizan a terceira semana do FIOT en Carballo

A Laracha-Jimena de la Frontera | Lembranza ao farmacéutico José Regueira Ramos