A Xunta impulsa a remuda xeracional no oficio tradicional da olería de Buño

1 minutes read

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, visitou o curso de formación especializada Formas tradicionais da olería de Buño, que imparte o oleiro Antonio Pereira “O Rulo” en Buño (Malpica de Bergantiños), co obxectivo de transmitirlle a outros profesionais do sector o oficio da olería tradicional desta localidade da Costa da Morte, que é un dos catro centros de olería tradicional aínda activos en Galicia e o que conta tamén cun maior número de oleiros profesionais.

O curso desenvólvese desde o pasado 27 de novembro na Casa do Oleiro de Buño, e continuará en diferentes xornadas ata o 15 de abril. O obxectivo é transmitir e recuperar as técnicas empregadas na elaboración das distintas tipoloxías das pezas tradicionais da olería de Buño, atendendo á súa diversidade de formas, tamaños e remates (bordes, riscos, vivos, espitados, asas…).

Esta iniciativa enmárcase no proxecto Aprender da tradición. Oficios e técnicas, un programa formativo impulsado pola Xunta a través da Fundación Artesanía de Galicia, como un incentivo que permita asegurar a remuda xeracional naqueles oficios e técnicas máis tradicionais. Precisamente unha das liñas estratéxicas da Xunta en materia de artesanía é preservar o patrimonio cultural e promover o desenvolvemento económico e a sustentabilidade de oficios, técnicas e coñecementos ancestrais transmitíndollelos ás xeracións futuras.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?