A Xunta impulsa o proxecto Horta en Ferrol


Trátase dunha iniciativa executada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural que se centra na formación e a creación de empresas para persoas mozas e/ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, en parcelas de titularidade do Banco de Terras ou arrendadas por este a persoas particulares.

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, coñeceu este venres esta iniciativa, actualmente en execución, e que ten un orzamento de preto de 323.000 euros. O proxecto abranguerá inicialmente unha parcela de 2,5 hectáreas de titularidade do Banco de Terras, na parroquia ferrolá de Covas.

En conxunto, a iniciativa inclúe a creación de 15 hortas de 400m² cada unha, unha edificación para aula de formación, aseos e almacén, un invernadoiro de 600m² e instalacións auxiliares de rego, enerxía eléctrica con enerxías renovables, sistema de depuración e pechadura cinexética. A edificación rematarase en madeira de piñeiro autóctono con criterios de integración paisaxística. Ademais, estase estudando unha ampliación do proxecto, en colaboración coa Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal da Consellería do Medio Rural, para a formación en silvicultura e a plantación de carballos.

Ata o de agora seleccionouse o predio, deseñouse o proxecto de actuación, redactouse, por parte do Banco de Terras, o proxecto de execución de augas e rede de regas, a instalación eléctrica e edificios auxiliares na parcela elixida. Por parte da Consellería de Política Social estanse a identificar e seleccionar os posibles beneficiarios desta actuación, en función de criterios obxectivos relacionados coa súa situación económica e social.