A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou este martes no Parque do Pasatempo de Betanzos os traballos da compañía lucense Parteluz Estudio, participante na primeira edición do programa de Doutoramento industrial co que a Administración autonómica promove a cooperación entre empresas, centros tecnolóxicos e centros de coñecemento en proxectos orientados ás necesidades do tecido empresarial.
A colaboración entre esta empresa e o Grupo de estudos mediambientais aplicados ao patromonio natural e cultural (Gemap) da Universidade de Santiago de Compostela, no marco da tese da doutoranda Diana Pérez Velón, graduada en Bioloxía, permitirá desenvolver protocolos para a eliminación permanente da colonización biolóxica en bens do patrimonio histórico-artístico expostos á intemperie.
Tal e como anunciou Patricia Argerey, no próximo mes de setembro activarase a segunda edición do programa Doutoramento Industrial, unha iniciativa conxunta da Vicepresidencia primeira e Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades. Mediante esta convocatoria, a Administración autonómica investirá 1,89 millóns de euros para apoiar a contratación de 15 doutorandos do sistema universitario galego en empresas e centros tecnolóxicos con domicilio social ou centro de traballo en Galicia para que poidan desenvolver a súa tese nunha contorna empresarial.