O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e o alcalde de Mazaricos, Juan José Blanco, mantivo unha reunión con veciños deste concello para expoñer a posibilidade de impulsar un polígono agroforestal nesta localidade coruñesa.
Este tipo de iniciativas enmárcanse dentro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que entrou en vigor en maio de 2021. Nestes dous anos e medio activáronse 26 polígonos agroforestais -que se atopan en distintas fases de execución- para poñer en valor máis de 9.100 hectáreas, distribuídas en case 30.000 parcelas propiedade de máis de 8.200 veciños. Na provincia da Coruña, actualmente están en marcha dous polígonos agroforestais, o de Curtis e o de Coristanco-Carballo.
Ademais, a Consellería de Medio Rural prepara actualmente outros seis novos polígonos en Galicia, que en total permitirán mobilizar máis de 300 hectáreas, con 457 propietarios beneficiados.