A Xunta impulsará o Observatorio do Sector Lácteo


Farao para darlle un pulo á produción e á transformación do leite en Galicia, ao abeiro da Estratexia de dinamización que se vén implementando nos últimos meses con formación especializada dirixida aos produtores ou coa presentación da aplicación Conta Láctea, pensada para facilitar a xestión empresarial das explotacións aumentando o poder negociador dos gandeiros sobre o prezo do leite. Así o destacou o conselleiro do Medio Rural, José González, quen trasladou que o Observatorio do Sector Lácteo de Galicia se vai regular nun decreto específico, como instrumento que permita acadar unha mellor estrutura sectorial para analizar e avanzar nas cuestións que afectan a este eido produtivo. Nesa liña, explicou que todos os interesados puideron presentar ata a semana pasada as súas achegas ao anteproxecto dese decreto, durante o prazo marcado para a consulta pública, e que o texto continuará agora coa súa tramitación deica a súa aprobación definitiva.