A Xunta incorpora 15 novos centros ao programa ‘Educación responsable’


O próximo curso un total de 15 novos centros educativos vanse incorporar ao programa Educación Responsable que ten como obxectivo o desenvolvemento da educación emocional, social e da creatividade, e que se realiza en colaboración coa Fundación Botín. Na actualidade están a traballar esta iniciativa 71 centros de ensino, 8.766 alumnos e 735 docentes, aos que se sumarán os novos seleccionados.

Como novidade para o curso 2022/23, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades incorpora, para os centros galegos participantes no programa, un novo recurso educativo denominado Playing Emotions, relacionado coas novas tecnoloxías e a análise das técnicas narrativas, sempre desde unha perspectiva das emocións.

Deste xeito, a iniciativa entronca co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e coa Estratexia Educación Dixital, dado que inflúe na disposición dos espazos das escolas, propiciando ambientes confortables e inclusivos para o alumnado. Ademais, emprega ferramentas cuxo uso fomenta a competencia dixital nos procesos de ensino-aprendizaxe relacionados coa igualdade, a convivencia e a inclusión.