O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, e o delegado de Naturgy en Galicia, Julio Gonzalo, asinaron un acordo de patrocinio no marco do Xacobeo 2021 polo que a compañía enerxética apoiará, difundirá e promocionará este evento.
En virtude deste acordo, Naturgy colaborará na realización de distintas actividades da programación do Xacobeo 2021, tanto do ámbito deportivo como no de dinamización cultural e reflexión así como nas actividades musicais e escénicas. Pola súa banda, a Xunta incluirá á empresa como un dos patrocinadores oficiais da celebración.
O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións agradeceu a fidelidade da compañía cun evento como o Xacobeo, que xa apoiou en anteriores edicións. Confiou, ademais, en que esta nova colaboración axude a incrementar e reforzar os valores de sustentabilidade do Camiño de Santiago que a Xunta de Galicia e Naturgy comparten.
Román Rodríguez subliñou, ademais, a importancia de seguir traballando para reforzar a colaboración público-privada no marco do Xacobeo 2021, coa intención de que este evento se posicione como motor de recuperación económica e emocional tanto de Galicia como do resto de España, especialmente nun contexto como o actual.
Pola súa banda, Julio Gonzalo, en nome de Naturgy, agradeceu á Xunta de Galicia a oportunidade de participar no patrocinio do Xacobeo e destacou o compromiso e a aposta estratéxica da compañía por Galicia e polas fontes de enerxía renovables.