A Xunta incrementará un 25% as axudas para a formación de transportistas


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo un encontro de traballo con representantes da Asociación Empresarial de Transporte de Mercadorías por Estrada de Galicia (APETAMCOR), onde trasladou a sensibilidade ante os problemas que afronta o sector de transporte de mercadorías por estrada, derivados fundamentalmente do progresivo incremento do prezo dos combustibles.

Vázquez comprometeuse a incrementar o vindeiro ano un 25% as axudas dirixidas á formación no eido do transporte por estrada, cun investimento de 500.000 euros, así como a ofrecer maiores facilidades nas tramitacións administrativas, como demanda o sector, e para buscar alternativas para impulsar áreas de descanso para os transportistas, tendo en conta que os criterios impostos polo Goberno de España impiden que se destinen a este fin os fondos Next Generation de Mobilidade.

Ademais concretou que os vindeiros Orzamentos se incrementan en 100.000 euros, con respecto ao presente exercicio, estas partidas para a formación dos profesionais do transporte por estrada. Tamén se inclúe a subvención de cursos necesarios para o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional.