O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, xunto con representantes da dirección técnica das obras, mantiveron este martes un encontro de traballo coa alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez e co alcalde de Zas, Manuel Muíño, para abordar a intervención de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade peonil que se están a levar a cabo na ponte da estrada autonómica AC-552 para facilitar a mobilidade entre ambas as ribeiras do río Grande.
A intervención fixo necesario o peche ao tráfico da ponte desde finais do mes de xuño para garantir que os traballos de demolición que se están a desenvolver se fagan con total seguridade.
Na reunión, o director da Axencia Galega de Infraestruturas trasladou a previsión de abrir ao tráfico un sentido de circulación da ponte a partir do 16 de agosto, unha vez que as circunstancias sobrevidas nas obras obrigaron a demorar a súa apertura, prevista para o mes de xullo.
Francisco Menéndez explicou que co inicio dos traballos se comprobou que a antiga beirarrúa estaba nun voadizo sostido por un contrapeso sobre a propia ponte e que, unha vez eliminado o firme, viuse que as súas dimensións eran maiores das previstas inicialmente. Isto obrigou a realizar demolicións de maior alcance que as planificadas, sempre tendo o coidado de non danar a estrutura.
Ademais, tamén se observaron dificultades para levar a condución de abastecemento polo lugar que estaba previsto inicialmente, xa que a fábrica da ponte (o interior do arco) non é regular. Para salvar esta dificultade vaise elevar lixeiramente a plataforma da ponte, para pasar as conducións de abastecemento e eliminar, como estaba previsto, as conducións que discorrían ata agora pola parte exterior.
A obra, que conta coa resolución favorable da Comisión Provincial de Patrimonio, céntrase na ampliación da sección transversal mediante a execución dunha lousa de formigón armado, con voadizos en ambos os laterais.