A Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos


O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta informará semanalmente da situación epidemiolóxica dos concellos segundo o nivel de casos novos e co obxectivo de que cada un deles poida ver como evoluciona a pandemia no seu ámbito municipal, preservando ademais o dereito á confidencialidade da historia clínica.

A tal efecto, Feijóo explicou que se elaborarán dous mapas, un para os casos acumulados nos últimos 7 días e outro para os casos acumulados nos últimos 14 días, establecéndose os niveis de alerta –verde, amarelo, laranxa e vermello- segundo os concellos de menos de 50.000 habitantes e os de máis de 50.000.

Deste xeito, para os concellos de menos de 50.000 habitantes estableceranse as cores: verde para menos de 7 casos novos á semana; amarelo para entre 7 e 13 casos novos á semana; laranxa para entre 14 e 20 casos novos á semana; e vermello para máis de 20 casos novos á semana.

No caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes, establecerase: o verde para os que teñan menos de 28 casos novos á semana por 100.000 habitantes; amarelo para entre 28 e 55 casos novos á semana por 100.000 habitantes; laranxa para entre 56 e 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes; e vermello para máis de 111 casos novos á semana por 100.000 habitantes.