A Xunta inicia os traballos de mellora dos pantaláns de Corme


A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de iniciar as obras de renovación e mellora dos pantaláns do peirao de Corme, no municipio de Ponteceso. A presidenta do ente público, Susana Lenguas, visitou os traballos que se están a executar nas instalacións aboiantes de uso profesional.

Os traballos contan cun investimento de 60.000 euros por parte da Administración autonómica e supoñen, entre outras actuacións, a renovación completa do pavimento dos pantaláns empregando material sintético, de maior duración e resistencia ante a acción do mar.

Ademais, as obras inclúen a renovación e pintado dos pilotes, reforzo de revisión das unións dos fingers e módulos e renovación dos flotadores. Finalmente dotaranse de novos elementos para mellorar as condicións de traballo dos profesionais, como as escaleiras abatibles de subida desde o mar ou o sistema de iluminación. Tamén se instalará unha baliza de aluminio e un novo sistema de apertura das portas dos pantaláns a través dunha aplicación móbil.

Esta actuación inclúese nun proxecto conxunto que Portos de Galicia está a executar para a mellora de pantaláns en oito portos coruñeses –Corme, O Freixo , Pontedeume, Fisterra, Muros, Miño, Betanzos e Corcubión–. Ata o momento atópanse executadas xa as melloras en Muros e O Freixo e os traballos de Corme contan cun prazo de execución de 2 meses.