A Xunta iniciará a vindeira semana a tramitación da primeira Lei do clima de Galicia

Así o anunciou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que compareceu a petición propia no Pleno do Parlamento, para dar conta dos retos en materia de cambio climático do departamento que dirixe. A conselleira explicou que este texto nace co obxectivo de completar o marco normativo galego, para así contribuír á consecución da neutralidade climática en 2050; e de establecer unha nova orde xeral de prioridades na política, economía, industria e, así mesmo, na vida cotiá.

Indicou que estará enmarcada nos obxectivos da Axenda 2030; terá como base a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, para acelerar o camiño que garanta a preservación dos recursos naturais e a recuperación e fortalecemento da actividade económica; e asumirá as actuacións que impulsen xa en 2030 a redución dun 55% das emisións na Unión Europea, respecto de 1990. A futura lei recoñecerá o clima de Galicia como “suxeito de dereito” e incluirá a preocupación da sostibilidade dos sistema social galego, para responsabilizar ás xeracións futuras.

Isto tamén implica apostar por un sector industrial e tecnolóxico sostible, polo despregue das enerxías renovables, a consecución da eficiencia enerxética, o desenvolvemento dunha mobilidade sustentable e o reequilibrio e valoración dos servizos ecosistémicos da contorna rural. É dicir, “promover un crecemento sosegado que aposte por unha transición ordenada”, resumiu a conselleira.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha