A Xunta insiste na necesidade de tests serolóxicos para os deportistas

Foto.- Xoán Crespo.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, enviou unha carta ao ministro de Sanidad, Salvador Illa, na que ofrece a colaboración da Xunta de Galicia a contribuír á “mellora da sanidade e ao sostemento do Sistema Nacional de Saúde”, nomeadamente no que respecta ás probas covid-19 a realizar no ámbito das competicións oficiais non profesionais de ámbito estatal.

Neste sentido, a Xunta de Galicia, a través do titular de Sanidade, ratifica a aprobación da Orde do 30 de setembro de 2020 sobre modificación de determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 12 de xuño de 2020 e publicada na noite do pasado mércores no Diario Oficial de Galicia. A devandita orde esixe “test serolóxicos ou outras probas similares” para os equipos e deportistas galegos como aos equipos e deportistas procedentes doutras comunidades no ámbito das competicións deportivas oficiais non profesionais de ámbito estatal de modalidades deportivas que poidan implicar contacto.

No caso de expedicións de equipos e deportistas procedentes doutras comunidades deberán realizar o “test serolóxico ou proba similar” en orixe polo menos 24 horas antes da súa chegada, para protexer á poboación, xa que o curto espazo de tempo que permanecen na comunidade pode impedir que lles sexa de aplicación a normativa reguladora do Rexistro de viaxeiros do 27 de xullo.

O protocolo para o regreso das competicións oficiais de ámbito estatal e carácter non profesional, elaborado polo CSD, non esclarece “aspectos como o tipo de proba a realizar, o seu financiamento, a evolución da súa utilidade e se se deben realizar máis dunha vez con posterioridade”, cuestións pendentes de decidir no Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a pesar de que as competicións xa teñen comezado ou son de inminente comezo.