O xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, mantivo este xoves un encontro telemático con representantes dos municipios da bacía do río Grande, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas, para tratar conxuntamente as medidas que deben adoptar fixadas no Plan de seca da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa para o estado de “prealerta por escaseza” de auga, declarada a finais da pasada semana pola Oficina Técnica da Seca nesta conca.
Gonzalo Mosqueira deu conta da situación dos caudais circulantes rexistrados actualmente nesta bacía. Na estación de aforo de referencia situada no río Grande rexistráronse valores de 0,98 m3/s en promedio durante o último mes, mentres que a media histórica se sitúa en 1,95m3/s. É dicir un 50 inferiores.
No encontro, Augas de Galicia solicitou aos concellos a remisión de información periódica sobre os seus datos de consumo para poder analizar a evolución e comparalos coa dos caudais dos propios ríos, para poder realizar a mellor xestión dos recursos dispoñibles. Pediuse tamén información sobre as medidas que xa se estaban a adoptar e as que prevén tomar ante a situación actual e en caso de empeoramento, co obxectivo de dar un seguimento detallado e coordinado da situación.
Desde a entidade hidráulica da Xunta incidiuse na importancia de que os concellos, que son os responsables dos sistemas de abastecemento, analicen aqueles usos de auga menos prioritarios que se poidan realizar nos seus termos municipais e que tomen as medidas que consideren necesarias para reducir a demanda.
Pola súa parte, os concellos presentaron a situación específica dos abastecementos que xestionan.
O Concello de Vimianzo pide máis responsabilidade e compromiso para reducir o gasto medio de consumo
Desde o Concello piden á veciñanza un uso responsable da auga así como un maior compromiso de cara ao aforro deste recurso limitado.
A alcaldesa, Mónica Rodríguez, e os técnicos municipais, que participaron nesta xuntanza, incidiron na necesidade de colaborar na redución do consumo debido á situación de alerta hidrolóxica que está atravesando Galicia pola escaseza de precipitacións dos últimos meses.
“Nesta reunión solicitei apoio á Xunta de Galicia, directrices e asesoramento técnico para poder comprobar os caudais dos nosos mananciais, porque cos medios municipais que temos non podemos cubrir estas necesidades técnicas”, sinala a alcaldesa de Vimianzo, quen adianta que “estamos facendo fronte ao problema con medios propios”.
As diversas captacións de auga en Vimianzo están experimentando unha baixada de nivel que fai que esteamos en alerta, é por iso que “temos que pedirlle á xente moita concienciación, porque coas pequenas accións individuais podemos contribuír a aminorar unha situación moi complexa nestes momentos”.
Camariñas manterá a vixilancia na súa captación de auga e pide á cidadanía un uso racional deste ben
A alcaldesa, Sandra Insua, explicou que “polo momento non temos escaseza de auga, nós captamos a auga do río e o bombeo cubre o consumo. Somos conscientes de que esta situación pode cambiar en calquer momento polo que manteremos a vixilancia e volvemos a pedir á cidadanía que faga un uso racional da auga”, destacou a rexedora, que solicitou que “se a situación se complica e o río seca, que sería algo excepcional e histórico, se encha o depósito con motobombas”. No encontro, Sandra Insua tamén solicitou a Augas de Galicia “asesoramento para usar a captación de Augas Veciñais da Ponte do Porto”.