- Ángeles Vázquez lembra que sete meses despois de iniciar a tramitación “pola porta de atrás” deste cambio normativo, o Goberno de Pedro Sánchez segue sen dar explicacións
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, emprazou este mércores ao Estado desde o Parlamento a reunirse “de inmediato” coas entidades, empresas e administracións públicas galegas que poderían verse afectadas pola reforma do regulamento da Lei de Costas que empezou a tramitar o Executivo a pasada primavera.
A titular galega de Medio Ambiente explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica iniciou unha modificación do regulamento que contravén o previsto nunha norma con rango de lei -a Lei 2/2013, do 29 de maio, para as concesións de ocupación de dominio público marítimo-terrestre (DPMT)-, así como as concesións para o seu outorgamento), ao pretender que o prazo concesional extraordinario establecido en 75 anos deberá contabilizarse desde a data inicial da concesión, e non desde o ano no que foi tramitada a renovación da mesma.
Ademais, tamén se referiu á nova regulación coa que o Goberno do Estado pretende condicionar a decisión de prorrogar ou non as concesións xa existentes porque, ao seu entender, introduce criterios abertos, subxectivos e indeterminados que farán que a prórroga dependa “da vontade” do propio Executivo central en cada caso.
Particularmente, referiuse ás máis de 100 empresas galegas da cadea mar-industria, pero tamén incidiu en que os cambios afectarían a colexios, centros de saúde e outros edificios públicos localizados en primeira liña litoral, e mesmo tamén podería chegar a ter implicacións sobre os períodos máximos de concesión dos parques de cultivo e das bateas. En total, estimou a conselleira, cerca de 5.000 edificacións afectadas en 80 concellos costeiros.
No mes de abril, o Executivo galego alegou contra a modificación normativa nun “tempo récord” xa que, tal e como lembrou, o Goberno fixo unha “tramitación exprés” e “pola porta de atrás” da reforma.
Así mesmo, a conselleira resaltou que a Xunta solicitou por escrito dúas reunións ao Goberno para aclarar canto antes as consecuencias da modificación para Galicia, primeiro co secretario de Estado de Medio Ambiente e en segunda instancia coa ministra de Transición Ecolóxica. “Pero pasaron sete meses desde a solicitude e seguimos sen ter resposta”, lamentou Ángeles Vázquez.