A Xunta intensificará os controis sobre as vivendas de uso turístico tras a entrada en vigor o pasado 1 de xaneiro de melloras na súa regulación. Indicouno este venres o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, durante unha rolda de prensa na que detallou a folla de ruta do Goberno galego na ordenación deste fenómeno e na que tamén concretou os cambios normativos que afectan a esta tipoloxía de aloxamento.
O titular de Cultura e Turismo destacou que a normativa que entrou en vigor no ano 2017 permitiu regular as vivendas de uso turístico na Comunidade “con eficacia e normalidade”, garantindo a convivencia desta modalidade co resto de tipoloxías de aloxamento e facendo posible que tanto as persoas que ofrecen estes servizos como as que os contratan poidan facelo con garantías e total seguridade xurídica para ambos. Con todo, subliñou a necesidade de “seguir dando pasos adiante” na ordenación deste tipo de establecementos e incidiu na necesidade de frear a oferta ilegal, motivo polo cal se intensificarán os controis neste ámbito.