A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, coñeceron este luns de primeira man o estado da zona húmida de Baldaio, tras a actuación levada a cabo pola Xunta en 2020 co fin de regular o seu caudal hídrico e garantir a conexión entre a lagoa interior e o mar, con independencia das condicións meteorolóxicas, garantindo os valores naturais deste espazo e os intereses do sector marisqueiro que traballa na zona.
A responsable de Medio Ambiente explicou que a intervención foi necesaria porque durante o inverno a acción combinada das mareas e dos temporais acabou erosionando de forma intensa a barreira natural que separa o humidal da praia, provocando unha perda considerable dos medios dunares que permitía, deste xeito, a entrada de auga mariña e o depósito de importantes cantidades de area na lagoa.
A conselleira do Mar, pola súa banda, coincidiu tamén en subliñar que as actuacións realizadas na lagoa de Baldaio son unha boa mostra de que se poden conxugar os intereses ambientais cos do sector marisqueiro dado que a actividade do sector é compatible coa preservación dos hábitats.
Por iso, explicou que van a seguir traballando para coidar o medio ambiente e protexer a actividade marisqueira que desenvolve a Asociación de Mariscadoras Fonte de Santa Helena de Baldaio, que multiplicou por cinco desde 2018 tanto a súa produción como a facturación.
Na súa visita, as conselleiras estiveron acompañadas, entre outros, polo presidente dos mariscadores da zona, Alfredo Castro, así como polo deputado carballés Rubén Lorenzo Gómez.